Se desexas contactar con nós, podes facelo vía e-mail en lediciascr@gmail.com, na nosa conta de Facebook, no enderezo Rúa do Ril, nº4, entr./baixo - 27880 Burela (Lugo), ou nos teléfonos 982-585698 (Local Social) / 616-995097 (Rocío Rivera)

30.5.08

MEMORIA « FEIRA DO BONITO »

A “Feira do Bonito” vénse celebrando en Burela dende o ano 1983, de xeito continuado e con tan só dúas excepcións nos primeiros anos, por causas de forza maior. Este ano 2008 celebrará a súa XXIV edición.
A Feira nace – e mantense – no seo da Sociedade Cultural e Recreativa “Ledicia”, co afán de promocionar e facer ve-lo valor un producto que por aquel entón, e aínda hoxe, tanto representa para Burela e a comarca da Mariña Lucense: o Bonito.
Os comezos da Feira foron humildes, pois a súa celebración era o complemento dunhas Xornadas Culturais que xa naqueles anos tiñan sona na nosa bisbarra. Pero pouco a pouco, a Feira foi tomando entidade propia e buscando o seu espazo.
Coa colaboración de diversas entidades, tanto públicas como privadas, e co traballo de moitos voluntarios, a Feira convértese no que é hoxe. Cada 1º sábado de Agosto transforma a paisaxe da nosa Mariña atraendo ata Burela unha verdadeira marea humana de máis de 10.000 persoas de diversas idades e condicións. A súa continua progresión valeulle para ser recoñecida oficialmente como Festa Galega de Interese Turístico no ano 1999.
Aínda que o traballo real xa se inicia varios días antes, o día da Feira a xornada comeza moi cedo, pois, coma unha perfecta engrenaxe, os moitos voluntarios organízanse para ter todo a punto arredor das seis da tarde. A partir dese momento, o público comparte protagonismo co Bonito. Chega a hora do Pregón, do recoñecemento á axuda prestada, do folclore, das actuacións para animar a velada… pero, por riba de todo, chega a hora de comer, porque non cabe dúbida de que un bandullo satisfeito é a mellor publicidade para o Bonito, para a Feira… e para toda a comarca.
Así é como o Bonito se converte no “rei” do seu día, pois ó seu redor móvense a música, o baile e o traballo de máis dun cento de voluntarios que durante unha intensa xornada preparan máis de 3.200 k. deste excelente peixe para disfrute dos padais que se achegan a degustalo. Desta forma, tentamos conseguir que o recordo dese bo sabor leve ós nosos visitantes a demandar o “Príncipe Azul” nos seus lugares de orixe, aproveitando a tempada de verán, na que poden consumilo fresco.
Por conseguinte, e como resumo, podemos dicir que cada 1º sábado de Agosto, a S.C.R. “Ledicia” organiza a Feira do Bonito, que neste 2008 celebrará a súa vixésimocuarta edición, e que nos últimos anos vén obtendo unha afluencia de público superior ás 10.000 persoas, o que repercute económica e turísticamente non só en Burela, senón en toda a Mariña de Lugo.

No hay comentarios: